Enlaces

miércoles, 5 de octubre de 2016

Pregón de las fiestas, por Paco Nieto

El siempre amable Paco Nieto ha tenido la gentileza de pasarme el texto del pregón que ayer ofreció a los lucenses.  Creo que es de esos textos que hay que conservar porque son memoria de la ciudad, de su gente y de sus anécdotas del día a día.

Por eso se lo reproduzco íntegramente a continuación.

Gracias Paco.





Querido Lugo

Señora Alcaldesa,
A vostede e mais os 24 membros da Corporación Municipal desexo mostrarlle-lo meu máis sincero agradecemento por terme elixido para pregoar o San Froilán do ano 16; confeso que me sinto enormemente honrado con esta labor.
Dígolles en primeiro lugar que quero que esta Praza sexa unha lousa inmensa, como lle dicía aquel neno ó seu pai, cando a viu por primeira vez co chan empedrado e coa fonte dos leóns aí no medio, feito que tan ben relatara Fole.
Pois iso, unha lousa que nos acolla a todos para celebrar a Gran Foliada que ten que ser o San Froilán.

Tal día coma hoxe, hai 20 anos estaba comezando a da-lo pregón das festas o poeta Manuel María, era o ano 1996; neste había un parágrafo que dicía: “Lugo resulta ser a cidade ideal, nen grande nen pequena, na que nos ceñecemos todos e onde existe una perfecta simbiose entre o urbano e o rural, é decir entre o home e a natureza...” Canta razón tiña o Manuel.

Certo é que co paso do tempo perdéronse moitas cousas coma as feiras, por exemplo, vale, aceptémolo, á modernidade non se lle poden poñer cancelas; pero o prezo tamén é moi alto cando con ela tamén podemos perder identidade e mesmo palabras, palabras fermosas que definen o noso xeito de vivir e traballar; non deixemos que se perdan: os estrobos, os sachos, as fouciñas, os xugos, as galletas, as machadas, as aixadas, …..
Disto falaba, Dario Xohan Cabana nunha lembranza súa do San Froilán. Por certo, ben merece o Darío, ter en Lugo, unha rúa co seu nome antes que a teña en calquera lugar da Ocitania ou na Florencia italiana.


Gustaríame ver a  don José, a don José Trapero Pardo, xa sexa de pedra, mármore ou bronce, sentado nun banquiño da praza de San Marcos; e ó seu pé a inscrición que tódolos días dicía dende Radio Lugo: “Bon proveito, amiguiños”. ¿E por que non adoptar o dito como slogan culinario?

Quero que tamén teña mención no noso rueiro o Ramón Lamote; ou mellor aínda, o seu pai, Paco Martín, do que, por certo, e co seu permiso, fago miña aquela súa reivindicación na que as casetas do polbo pasaran a chamarse “Garigolos”

Garigolos tamén eran aqueles quioscos como o de Queta onde amais da literatura infantil, tiñamos a posibilidade de mercar uns cigarros, por unha peseta catro Celtas e por un peso un cigarro rubio.

Ó lado da Queta, o gran referente para as citas, o Bazar Radio Meilán con escaparate onde pega-los  fociños para ve-las portadas dos últimos discos.

Pretiño, na rúa doutor Castro outro “garigolo”, o de Marité na traseira do Bar Centro, onde, por certo estaban de moda os “Cariocas”, aqueles cafés cheíños de escuma.

Falando de bares, como esquece-lo Monterrey co señor Ramiro á fronte ou o Anduriña logo convertido no Agena (unha “boite” para de noite); venme á memoria Piño do Ferreirós e os seus célebres “bichinguais”, a “Empanada del amor” (pan e cebola) ou a tortilla vitaminada cunha folliña de leituga... e o Mistela da Julita,uns chatos no Barreiros ou no René, e como non O Neno con aquelas taciñas de caldo, que tan boas eran para corre-lo frío; un pouco máis adiante o Yuma con saída pola traseira do local cara a muralla cando viñan os grises, porque seica houbera chivatazo dunha reunión clandestina.

Miren, grandes tamén foron esoutros veciños nosos que polos seus alcumes eran coñecidos, recorro a Fole e o seu Cartafolio de Lugo e a Pepe Barreiro do seu “Anecdotario Lucense”.

¿Ou non lles soa Caga na Brocha, ou Cascarilla, aquel toliño que lles dicía ás mulleres na catedral que andaban rosmando: “Aquí non se pode falar, pericós”; ou aquel axente da autoridade, moi “chulillo” el, coa porra sempre en “ristre”, alcumado Caga na Zoca; outros gardas municipais célebres foron O Palanquín e O Perrachica.

 Logo estaba Pepiño Cagón de sempre pegadiño ás sotanas dos cregos. El quería ser Santo; e aquel famoso xastre,  de non moi bo carácter, alcumado Cose Carallas, o fanfarrón Valentín Cojonera, o avogado Setevicentes...

 Houbo unha muller extravagante que seica vestía con boa roupa que lle daban as señoras de alta liñaxe a que chamaron Elvira la Loca ou aquela outra coñecida como A Tola de Gomeán, que cando viña a Lugo subida nunha egua, antes de entrar sacaba da alforxa un espelliño, peite e unha polveira para entrar na cidade ben arregladiña.

 E como esquecer a José Regueiro, ou sexa Pepito Chimineas un limpabotas con despacho nos soportais aquí, nesta praza; cando “cargaba da xerra” era faltón e máis dunha noite pasouna no “cagarrón”, así lle chamaban o cárcere, Pepito Chimineas foi o propietario daquela frase que aínda hoxe se lles pode dicir os puferos: “Hay que pagaaaar”.







Home, e Faustino, coñecido como Trifón Caldereta, Luís Leriele, o de “Que fondo lo entierran”, Carlitos el de la Vara, Balbino sempre na rúa Aguirre coa súa cabicha na boca, o meu admirado Jaime Vítori Bermudez, o célebre Ranita; e José Ayán Coedo, Pepiño Loterías, moitas cintas desas de marchas militares lle teño gravado; outro da lotería foi Valentín con territorio de venda pola Porta da Estación. Del contase aquela anécdota tan boa, na que xunto cun amigo, fixeron un traballiño polo que percibiron 25 Pts; díxolle Valentín ó seu compañeiro ¿e que facemos cos cartos, este respondeulle: “pois mercamos 24 pesetas de viño e unha peseta de pan”, e respondeu Valentín: “E para que queremos tanto pan”.

En fin podiamos seguir de aquí a mañá con Andrés das Monas, Hinchafaroles, Trangallada, Paco das Hostias, O Cheirón, Chirivípopó, Tinguilipie... pero hanme permitir que lles relate unha anécdota que me contaron non hai moito; a dun argalleiro alcumado Alvite, un día dun ano dos 50, este home fíxose cun caldeiro de mexos de burra, logo colleu cinco ou seis burros das leiteiras que “aparcaban” preto do Círculo, atounos ó Concello e untoulles ben o fociño cos citados mexos de burra; os animais puxéronse a ornear que non vexan; el, entrementres, estaba cun atril dirixindo a “orquestra”, levárono os gardas, claro.
Persoeiros tan dignos como o máis digno veciño da nosa cidade.
Pois todos eles tamén viviron o San Froilán, como tal fixeron tantos e tantos visitantes da rinconada de Lugo en tempos de festa; moitos fixeron tradición por estas datas visita obrigada o célebre barrio chino de Lugo. Seica, din os expertos, do melloriño do país; porque guste ou non guste a triste vida de moitas mulleres formou, de sempre, parte da nosa sociedade, e agochala non vai facer desaparecer este oficio.




Nomes de guerra singulares habitaron bares e sórdidas habitacións na Rúa do Miño ou áTinería.... como: La Mucha, La Apache, A Poleira, La Lunares, La Merche, A Cuca, Doña Vicenta, La Valenciana (La Reina del Picadero), A Chiruca, ou La Coloretes (Hoy estoy medio loca... cariño) seica dicía.

Verán, non teñen porque compartir o que digo pero eu non quero que o San Froilán  sexa a festa de Lugo; quero que o San Froilán sexa festa de tódolos galegos e que o Concello encha de luminarias as rúas; bueno,e que contrate as orquestras para o baile; do resto encargámonos nós.
O San Froilán ten que ser: A Gran Foliada.
De sempre, a achega de homes e mulleres ás Feiras e Festas do Santo Froilán foi un non parar; das parroquias, de Calde, de Soñar, de Coeses, de Torible, de Pías, de Benade, de Muxa... de todas as do concello viñan xentes; e algunhas traían música como a de Piugos;  dende Bocamaos tamén, aquela de tanta sona como foi a Banda de Vilacendoi que animaron moitas festas, ate que chegaron as orquestras modernas.

Falando de anima-los bailes,onde por certo, lembran aquelo de: “Queda terminantemente prohibido el ceder la pareja durante los bailables”, teremos orquestras como as de antes, onde os pasodobres, merengues e chachachás, serán interpretados por formacións como a Orquestra Astariz, a  Candal e a Novedades de Rábade; a Mambo, a Binario a Clave do Maestro Parra,a Maika con Máximo Carballal; a Palma; a Kalú 96, a Orquestra Vélez co seu triunfante vocalista Tatolas; a Veracruz; a Núñez; a Nueva York; Los Emperadores; a Sport de Viveiro; a Moderna de Ferreira de Pallares; a Royalty de Mondoñedo, a Variedades de Viveiro, a Venecia de Vilalba, e a Peñalara de Grolos e un sinfin delas máis.
Para os que lles gusten os boleros, as guitarras e os requintos, contaremos con Los Brillantes, (con Luís e Pepín.)


Cando falo dalgunha destas orquestras vénme á memoria meu pai cando me contaba como de rapaz viña a Lugo dende O Pedrouzón, Tirimol e Bagueixos en zocas, tirando pola bicicleta até chegar á Casa da Filomena, espelía a lama, poñía os ganchiños no pantalón, zapatiños limpos e viña a Lugo a ver a súa moza, ou sexa miña nai; e por aquí andan. E tamén a miña Margarita

E para os máis modernos recuperaranse os ritmos de Los Alesandi, Los Bayas, Los Flavia de Sarria, Los Jaslas da Pobra de San Xiao, Los Senex, Robert Johnson, Inquietudes, Cerebrum, Son-Vida, Evasión co seu cantante Jei Noguerol; os Epsilón coa guitarra afiada de Aquilino Jacob; ou artistas formidables que pasaron polos Festivais de “Micrófono de Oro”, de Radio Lugo que estaba incluído no programa de festas, como Marisa Pelarigo, Luís Lodeiro, Suso Varela, Pepe Hortas, Alfredo Corujo, Dúo Lois, Pachi Mouriño, Fedry, Ángel Carlos, Chito, Lolita López Cardama, Elis Bamio, Leandro Fernández  e tantos outros.


E se de tanto baile, escordamos?, sempre nos quedará achegarnos ó Frade de Recatelo para que nos compoña O Cacharulo.

Sigo lembrando pequenas cousas que de seguro moitos dos que aquí estades vivistes, era o San Froilán de 1959 e Álvaro Cunqueiro estaba en Lugo. Por estas datas ía poñerse en escena a súa obra “O incerto Señor Don Hamlet”, por certo antes que na Coruña, e foi no Salón de Jato en San Roque o que logo foi Garaxe Imperial. Ese local o mesmo servía  pra para unha noite de boxeo, pra para a presentación do Ballet de Maurice Bejart ou sala para festas.





Volvo cara a esta praza, a Maior, e dende aquí estou adiviñando unha estatua que penso que debera repensarse, é a de Luís Pimentel, non é de recibo verlles un pouco máis aló, fronte ao Círculo, a cara a Paulo Fabio Máximo e máis a Julio César........ e o noso Luís sexa unha silueta agochada nunha sombra.

Claro que sombra é, e nada é cando lembramos a Cilistro, a Celestino Fernández de la Vega o lugués de Friol que tan grande sona lle deu á nosa cidade; o Segredo do Humor deixou de ser tal, cando Cilistro publicou o seu tratado. Ben merece unha figura que o lembre e non plaquiña cativa para un home tan inmenso.

Lembro ao profesor don Xesús Alonso Montero, hoxe Presidente da Real Academia galega que vivía na rúa Aguirre, fronte ó Círculo das Artes. Ben,  non vivía, ía de visita. Vale tampouco, levábano de visita os grises, alí estaba a comisaria de policía.


Eso ven a conto porque, cando don Xesús faltaba o que máis e o que menos “latabamos” as clases do instituto; e directamente correndo íamos ou  ben a “El Recreo”, na rúa Aguirre a xogar as máquinas ou a “El Mirador”  e alí, con cinco pesiños seis cancións da maquiniña de discos; non podía faltar o Hey Jude de Los Beatles, o Black is Black de Los Bravos e algunha de Los Brincos...








En Lugo permaneceu moito tempo don Ricardo Carballo Calero coa súa dona Ignacia Ramos (La Nacha) ou María Silgar, como asinaba as súas escritas e vivían na Rúa Nova fronte  a onde, en tempos, se instalaba, na Praza da Soidade, o Teatro Argentino, aquel espectáculo “varieté” onde aparecían señoras case espidas.

Falando de barracas; Contáronme que en Santo Domingo instalouse un ano unha caseta onde no cartel aparecían unhas fontes con chourizos, xamóns  e que sei eu cantas viandas máis e o título era “Quien quiera picar, que pique”; seica dentro había un pico para picar nunha pedra.

 As Lanchas Voadoras, a Tómbola de la Caridad, a do Cubo, con reas de potas de premio; a tómbola dos Xamóns, a tómbola La Galaica a que sorteaba un porquiño o“Popular Jalisco”; as bonecas andadoras, o cucurucho de churros (tres por unha peseta) de La Galiano o La Moderna, as garapiñadas de Luís Santomé: El Cubano; as cintas do Tiro la Flor,  la Mujer Araña, as Marionetas Talio do gran Chacolí; o desfile de carrozas, el Pozo de La Muerte do portugués Fernandes Moreiras coa súa Bultaco Metralla a todo meter; la Mujer Barbuda, el Hombre sin Cuerpo, la Vaca con dos cabezas, El Hombre Fiera, La Cabeza en Bandeja, el Museo de Machaquita, la Bella indígena...

Dende o ano 1964 estas e outras barracas pasaron a instalarse no Campo da Feira, antes, xa se sabe, por aquí andaban, a carón do Concello, no Campos Castelo,en Santo Domingo...
En tempos non faltaron os touros en Lugo grazas a José Manuel Orol Balseiro; con praciña no Polvorín e destros nativos como: Fiacro Orol, Joselete “El Temerario, El Niño de La Puebla de San Julián, Frouxeira de Valle de Oro, Finito de Lugo, Peluquerito de Lugo ou Rubito de Casas Baratas. Tamén, como non, Luís Rios “El Pinturero” e antes Celita o Celita II.

Podíalles falar do polbo, penso que xa se falou dabondo deste bocado sen igual;só un pequeniño detalle, de seguro que son moitos os que lembran que antes o polbo vendíase por rabos e non por racións.
E digo eu ¿pero porque non poñer á mesma altura as nosas patacas, en cachelos ou esmagadas, con pemento ou sen el e se por riba lle poñemos uns pementos de Mougán, que aínda quedan,..... ¿onde hai que firmar?
Dixo un día o meu admirado Juan Soto:  “As festas do San Froilán son pobres, pero honradas”
Xa se sabe que: As cousas ben feitas, ben parecen.

Vou ir rematando e quero botar uns cantos “queros”:
Quero que se mime máis a nosa Banda de Música....
Quero que alguén desta cidade viva na Praza de Pelúdez e Filomena.
Quero un recoñecemento inmenso para Jesús Pérez Regueiro, Jesús de Sargadelos, por todo o ben que fixo e fai pola cultura na nosa cidade.
Quero un premio de teatro que leve o nome de Rafael Villanueva; ó de o grupo “La Máscara, ¿lembran?
Quero felicitar a Isidro Novo porque mañá é o seu Santo, non, non é o San Cidre, ben o sei; e que o Isidro Novo chámase Isidro Xoán Froilán e de paso xa que estou, pedirlle unha nova edición da “Guía do bebercio lugués”.
Quero que os de Paramo Pictures, os da Bertolina, ou Prendeme o Boi; preparen algo  froilaneiro e que rebente o youtube
Quero que o grupo Fuxan os Ventos, teña unha rúa co seu nome.
Quero recuperar o “Festival Literario do Miño” que só tivo unha edición en 1960 e que gañara Aquilino Iglesia Alvariño.
Quero xigantes e cabezudos e que un repoludo gaiteiro, de pano sedán vestido, como un príncipe cumprido, cariñoso e falangueiro, veña dende San Fiz ou Montirón; dende A Garaballa, Garabolos e a Milagrosa; dende Lamas de Prado, dende O Piteiro, dende Magoi..... e nos esperte pola mañanciña coa Alborada de Veiga.

Quero que o San Froilán sexa A GRAN FOLIADA

Non sei, e xa remato,  se este é o lugar axeitado, pero vouno dicir: mirade, temos que querérmonos máis, temos que ter orgullo de ser o que somos, e de onde somos, temos que deixar os damachiños na casa; temos que traer un saco cada un de nós cheo de biosbardos e cocerellos, e espallalos polas rúas; temos que ser máis presumidos... gustaríame mudar o slogam daquel anuncio que di “Vivamos como galegos”; pois non, que o resto de galegos digan: “Vivamos coma os de Lugo”.

Decía Barriga Verde: Pasen señores, pasen que a función está a comezar; ¿Hai alguén que quede fóra? Pois estamos listos!
Berrade comigo: ¡¡Viva Lugo!!  ¡¡Viva o San Froilán!!

Moitas grazas.


Pregón íntegro leído por Paco Nieto el día 4 de octubre de 2016.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Derecho a réplica:

Se admiten comentarios, sugerencias y críticas. Sólo se pide cierta dosis de ''sentidiño'' y cortesía.