lunes, 23 de abril de 2018

Axúdenos a solicitar a Medalla Castelao para Xesús Mato

Xesús Mato en sus días de Radio Popular
Non hai mellor día que o día do libro para facer un artigo sobre un tema cultural, aínda que lamentablemente non é que sexan os máis lidos desta páxina. Con todo, como tampouco me dan nada por ter visitas, se lles son sincero impórtame o xusto. Hoxe voulles a pedir colaboración para unha campaña.

A través do sempre dinámico Xulio Xiz, chégame a petición iniciada no Concello de Paradela a solicitude do Orfeón Lucense de instar á Xunta de Galicia a que conceda a Medalla Castelao ao sacerdote, musicólogo, activista cultural e social Xesús Mato Mato, que tamén foi nomeado fillo predilecto dese concello.

Xesús Mato, que se define como “cura da aldea”, é unha persoa menos coñecida para o gran público do que debera. Se lles conto algunhas das súas iniciativas seguro que estarán de acordo comigo en que é raro que non sexa máis popular.
  • Fundador e primeiro coordinador entre 1970 e 1977 de Auxilia-Lugo.
  • Co-fundador do grupo “ Fuxan vos ventos” en 1972 e de “Galicia canta ó Neno”.
  • Creador da primeira Cáritas interparroquial de Lugo.
  • Fundador e primeiro director de 1959 a 1964 de Radio Popular de Lalín.
  • Ademais diso, foi fundador e primeiro director de 1958 a 1967 da Polifonía de Lalín, os coros dos Colexios Menores Santísimo Sacramento e Eijo e Garay.
  • Colabora con varias publicacións (entre elas o diario lucense O Progreso) e é habitual de conferencias e faladoiros.
  • Nos anos 80 foi un dinamizador cultural contra a droga.
  • Foi nomeado Lucense do ano en 1991 e Premio Moncho Valcarce en 1998, ademais de recibir premios como o de Cultura Tradicional de María Castaña ou o Premio de Xornalismo sobre o Nadal de Begonte en 2009.
  • Autor dos libros “Galicia canta ó Neno” e “Por un Lugo sen barreiras” (#fixar en que reflicten as súas inquietudes) prepara outro titulado “Á beira do Camiño”.
Do que máis me chamou a atención da súa longa traxectoria é que a máis que popular canción que recibe o mesmo nomee que o grupo “ Fuxan vos ventos” foi composta por el, tanto a letra como a música.

Se se fixan nas datas verán que hai unha incongruencia: un cura en pleno franquismo facendo apoloxía da cultura galega? Pois si, xa ven, de feito custoulle os seus desgustos na época, porque dar voz ao pobo galego, ao “non oficial”, nunha emisora de radio e con sotana non era algo habitual nin para tomarse a broma. De feito é un rebelde con causa dentro desa Igrexa que, nas súas verbas, “aínda estraña aos Papas vellos”.

Un superhome da cultura e de Galicia, que desafiou sempre a quen lle dicía que non podía facer isto ou aquilo, que nunha estrutura tan xerárquica e conservadora como a Igrexa conseguiu facer patria e traballar pola nosa terra… De verdade fai falta algo máis para darlle a Medalla Castelao a este home?

Xulio Xiz e Xesús Mato no libro "Mato sono io..."
Cando un cumpre os anos de Xesús Mato debe ser fermoso recibir este tipo de recoñecementos, e para mostra ese fantástico libro “Mato sono io… 100 amigos falan de Xesús Mato Mato”, en que persoas da cultura e a comunicación como Felipe Arias, Miguel Cabana, Eloi Caldeiro, Marica Campo, Darío Xohan Cabana, Tareixa Campo, o bispo Alfonso Carrasco, Manuel Curiel, José de Cora, Tonina Gay, Paco Neto, Xullo Méndez, Pablo Núñez, Gerardo Pardo de Vera, Manuel Regueiro, Xosé Luís Rivas, Ernesto Sánchez Pombo, Arcadio Silvosa, Mario Vázquez Carballo ou o propio Xullo Xiz dedican fermosas palabras a este gran home.

Se queren vostedes unirse á campaña para solicitar á Xunta a Medalla Castelao para Xesús Mato, nesta ligazón déixolles o documento que han de imprimir e asinar, e pódenmo facer chegar escaneado á conta historias@desdelugo.es e transmitireino onde corresponde ou o pode enviar por correo postal ao Concello de Paradela.

Grazas por adiantado a todos os que se tomen a molestia, creo que a persoa o merece, tanto que penso que é o primeiro artigo que publico en galego neste blog, pero é unha forma de homenaxe a Xesús Mato.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Derecho a réplica:

Se admiten comentarios, sugerencias y críticas. Sólo se pide cierta dosis de ''sentidiño'' y cortesía.